Comedores Responsables KM0” facilita novas vías de acceso a produtos de calidade para as colectividades participantes
Comedores Responsables KM0” facilita novas vías de acceso a produtos de calidade para as colectividades participantes.
O proxecto “Comedores Responsables KM0”, impulsado por oito Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, continúa avanzando na creación de novas vías de colaboración entre as colectividades e o tecido produtivo e distribuidores.
Neste marco, Aceites Abril adhírese a esta iniciativa impulsada polos oito GDR participantes para facilitar que preto dos 60 centros vinculados ao proxecto teñan acceso a diferentes referencias de aceite de oliva galego e de alta calidade. A colaboración conta coa participación de Distribuciones Vintecatro S.L., encargada da loxística e distribución aos centros interesados
Pola súa banda, desde Aceites Abril destacan que “como empresa familiar galega, para nós é un orgullo sumarnos a iniciativas como Comedores Responsables KM0. Sumar esforzos cos GDR permite achegar aos centros educativos e colectividades da nosa contorna un produto fundamental na dieta atlántica, garantindo calidade, proximidade e un compromiso real co desenvolvemento do medio rural galego”.
O acordo inclúe diferentes referencias, entre elas aceite de oliva virxe extra, oliva suave, oliva intenso, aceite de oliva virxe e aceite de oliva virxe extra ecolóxico.
Conectar as colectividades co tecido produtivo
Un dos obxectivos de “Comedores Responsables KM0” é facilitar que os centros educativos, residencias, vivendas comunitarias e outras colectividades poidan avanzar cara a modelos de alimentación máis saudables, sostibles e vinculados ao territorio.
Para iso, os oito GDR están traballando tamén na conexión entre as necesidades dos centros e as posibilidades que ofrece o tecido produtivo e distribuidor, buscando novas oportunidades de colaboración que faciliten o acceso a produtos de calidade.
“Para nós é moi satisfactorio poder colaborar con Comedores Responsables KM0 e facilitar que os centros participantes teñan acceso a produtos de calidade en condicións especiais. Consideramos especialmente interesante apostar por referencias que responden a criterios de calidade e, no caso do aceite ecolóxico, por unha produción máis respectuosa co medio”, sinala Luís Tembra, responsable de Distribuciones Vintecatro S.L.
Un novo apoio ao proxecto
A incorporación de empresas ás dinámicas de “Comedores Responsables KM0” permite abrir novas vías de colaboración e achegar ás colectividades alternativas adaptadas ás súas necesidades.
Neste caso, a iniciativa incorpora a Aceites Abril, empresa galega con sede en San Cibrao das Viñas (Ourense), no territorio de GDR 11 ADR Comarca de Ourense (Adercou) e cunha traxectoria no sector do aceite desde 1962, que conta con diferentes referencias de aceite de oliva, incluíndo aceite de oliva virxe extra ecolóxico.
Pola súa banda, Manuel Seoane Rodríguez, presidente do GDR 11 ADR Comarca de Ourense (Adercou), destaca que “é unha satisfacción poder avanzar neste tipo de colaboracións con empresas de referencia e facilitar novas posibilidades aos centros que forman parte do proxecto. A conexión entre as colectividades e o tecido produtivo é fundamental para seguir construíndo un modelo de alimentación máis responsable e vinculado ao territorio”.
Esta reciprocidade forma parte do traballo desenvolvido polos oito GDR para crear pontes entre centros, empresas, produtores e distribuidores, favorecendo novas relacións que contribúan á evolución do modelo de alimentación colectiva.
Un proxecto de cooperación en oito territorios
“Comedores Responsables KM0” está coordinado polo GDR Terras de Compostela e impulsado por oito Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, no marco do convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e os GDR.
Participan no proxecto:
- GDR-04 ADR Comarca de Lugo
- GDR-05 Asociación Miño-Ulla
- GDR-08 ADR Sil-Bibei-Navea
- GDR-11 ADR Comarca de Ourense (Adercou)
- GDR-16 ADR Terras de Pontevedra Norte
- GDR-19 Asociación Terras de Compostela
- GDR-21 Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Ordes (Asdecomor)
- GDR-22 GDR Costa da Morte
En conxunto, estes oito GDR agrupan 86 concellos e preto de 710.000 habitantes, desenvolvendo unha rede de cooperación que aposta por unha alimentación colectiva máis saudable, sostible e vinculada ao territorio.
O proxecto conta xa coa participación de máis de 60 centros educativos, residencias, vivendas comunitarias e un servizo de cátering, así como de máis de 110 profesionais e empresas do tecido produtivo, que participan nas diferentes accións desenvolvidas nos territorios.
Comentarios
Publicar un comentario