Esther Teijeiro recolleu hoxe das mans do Alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, o Premio Mágnum Honorífico 2018 ‘Viñolvidable’ polo seu traballo a favor do rol da muller no sector do viño galego nun acto celebrado na Praza de Abastos de Vilagarcía e que contou coa presenza do Deputado de Promoción Turística, Santos Héctor Díaz e da Directora Xerente da Cidade da Cultural, Ana Isabel Vázquez e de preto de 200 profesionais do mundo do viño.
O xurado destes galardóns, que xa alcanzan a súa octava edición, nomeou a Elísabet Castro, propietaria e sumiller en Mesón do Campo, como a Mellor Sumiller de Galicia, destacando que «poucas persoas atesouran tanta enerxía e tanto talento».
A distinción de Mellor Adega Galega (entendida como colección de viños) foi para Adegas Albamar; apostilando o xurado que todo o que fai esta adega xoga nas máis grandes ligas internacionais.
Pola súa banda, Azos do Pobo 2016, de Daterra Viticultores, conseguiu o Premio Mágnum ao mellor Viño Galego. O xurado apuntou que este viño é «unha mostra de que en condicións adversas e dende paraxes romotos tamén se pode chegar ao gran público, cun proxecto cargado de paixón, sensibilidade e forza».
Cume do Avia dos Canotos 2017, de Cume do Avia, foi nomeado Mellor Viño Revelación Galego, por ser quen de respectar a tradición dende unha óptica totalmente actual e renovada.
De entre os nominados ao Mágnum á Mellor Iniciativa de Enoturismo, Adega Algueira resultou a seleccionada, «por ser pioneira no desenvolvemento dun enoturimo de calidade, divulgando e dando a coñecer con extrema xenerosidade a zona da Ribeira Sacra».
O Premio Mágnum á Mellor Labor de Difusión do Viño Galego recaeu no programa de Jesús Calleja, Volando Voy, emitido na canle Cuatro e producido por Zanskar Producciones. «Este particular programa de televisión deu situado no mapa vitivinícola nacional á Ribeira Sacra, proxectando a súa imaxe con autenticidade e dun xeito divertido».
Comentarios
Publicar un comentario