O xurado do Concurso de Carteis da 54ª Feira do Viño do Ribeiro reuniuse hoxe, 9 de marzo, na sede do Consello Regulador do Ribeiro, en Ribadavia, para elixir o cartel que representará a Feira do Viño do Ribeiro 2017, que terá lugar na vila ribadaviense do 29 de abril ao 1 de maio.
O cartel gañador está deseñado pola profesional Agustina Jouandon, orixinaria de Arxentina e actualmente afincada en Santiago de Compostela, e foi elixido entre 188 propostas presentadas nesta edición do concurso. É deseñadora gráfica e ilustradora con máis de 7 anos de experiencia. Rematou os seus estudos na Universidad de Buenos Aires e traballou en varios estudos de deseño para grandes marcas e medios de comunicación de Argentina. Traballou en Suecia onde dirixiu o departamento de comunicación The Connectors Society dedicada á innovación social. Participou en distintas mostras como “Inspiration Fest Buenos Aires”, “Fête du graphisme” en París, STPLN Window Project, Malmö, entre outros.Afincada actualmente en Santiago de Compostela, desenvolve a súa actividade laboral na área de la ilustración.
Para a elección do seu cartel anunciador, o Concurso de Carteis da 54ª Feira do Viño do Ribeiro contou cun xurado multidisciplinar integrado por profesionais no ámbito das artes, comunicación e deseño gráfico. Ao longo da xornada de deliberación das preto de 200 obras participantes foron sometidas ao xuízo destes profesionais, resultando a obra gañadora premiada con 1.500€.
Participaron como membros do xurado:
A xerente do C.R.D.O. Ribeiro, Cristina Alcalá.
A concelleira de Cultura do Concello de Ribadavia, María Touza.
O director do Centro Cultural “Marcos Valcárcel” de Ourense, Francisco González Bouzán.
O profesor no grao de Publicidade e Relacións Públicas da Uvigo, Xosé Rúas.
O creativo de La10@planta e coordinador da OurenseIccWeek, Manuel Araújo.
O director creativo da axencia Incubarte Creatividad Multicanal, Jaime Díaz.
A xornalista de Faro de Vigo, Adela Ferradás.
O fotógrafo de La Voz de Galicia, Santi M. Amil.
O xefe de publicidade de La Región, Moncho Novoa.
Comentarios
Publicar un comentario